Saturday 04 de May de 2024

A Tarde de entroidada dará inicio mañá ao Entroido ordense


Terá lugar na alameda de Ordes a partir das 16.30 horas, aínda que se as condicións meteorolóxicas non o permiten trasladarase ao pavillón Campomaior

Mañá martes, 28 de febreiro, os nenos e nenas de Ordes teñen unha cita ineludible cunha nova edición da Tarde e entroidada. Aínda que nun prinicpio está prevista que a celebración teña lugar na mesma alameda, se as condicións meteorolóxicas non o permiten esta trasladarase ao pavillón Campomaior. Inchables, obradoiros creativos, animacións, música, baile e moito máis será do que a rapazada poida disfrutar dende as 16.30 ata as 19.30 horas.
O sábado, 4 de marzo, Ordes encherase novamente de cor e fantasía co Sábado de Piñata. A partir das 17 horas terá lugar o desfile de carrozas, comparsas e disfraces polas principais rúas do pobo. O Campo da Feira servirá de escenario para o gran concurso que este ano repartirá máis de 4.000 € en premios. No caso das carrozas serán dous cheques de 600 e 400 €. No caso das comparsas de adultos serán de 400, 300 e 200 €; mentres que nas infantís serán de 225, 175 e 135 €. Os disfraces individuais adultos optarán a premios de 170, 120 e 90 € e os dos máis novos e novas serán de 100, 80 e 60 €. A todo isto hai que engadirlle un premio simpatía de 150 €, outro de 200 € para a mellor comparsa municipal, así como diversos premios accésits por un importe total de 1.000 €.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo mércores, 1 de marzo, no Departamento de Cultura e Deporte, situado no primeiro andar do mesmo Concello. Tamén se pode formalizar a inscrición a través do 981680002.
Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración e patrocinio de Seguros Reale e Jaime Castro asesores para a celebración do Entroido 2017. Trátase, sen dúbida, unha da festas máis concorridas e animadas do calendario local que en cada edición congrega a milleiros de persoas.